"Follas Novas, novas follas" é un obradoiro que nace da instalación artística idea de Luz Darriba e a interpretación didáctica que dela fai Encarnación Lago.
Ten por obxectivo traballar na comprensión do fenómeno da emigración/inmigración empregando a obra de Rosalía de Castro coma medio vehicular dun xeito multidisciplinar, intergrupal e en rede. A partir de dita comprensión búscase chegar aos valores de igualdade (xénero,raza,condición,relixión...), respecto e protección do medio ambiente, fortalecemento da identidade colectiva, a comprensión do "outro" e a posta en valor da obra literaria de Rosalía de Castro e a súa propia figura.
O por que veu de xunguir o Ano de achegamento entre Culturas, o Día da Poesía e o Día do Libro nunha soa experiencia.
Está dirixido ao alumnado de Primaria e Secundaria dos centros educativos que se atopan nas áreas xeográficas de influencia dos museos pertencentes á Rede Museística Provincial de Lugo. Nun seguinte paso, preténdese abrir a experiencia a outros centros educativos.
Consta de dúas fases principais:
1. Nas aulas. Dirixida e tutorizada polo persoal docente de cada centro. Dentro do ámbito das materias de lingua e plástica levarán a cabo a documentación, comprensión dos textos rosalianos, elaboración dos textos propios de cada neno e a ilustración. Emprégase coma base papel co deseño dunha folla de carballo sobre a que os alumnos desenvolven as súas ideas.
2. Nos museos. Por unha banda cos mesmos alumnos, acompañados do seu entorno familiar, lévanse as follas ao Museo (Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar de San Cibrao ou Museo Etnográfico de San Paio de Narla). Alí, seguindo un percorrido deseñado polo persoal da Rede Museística no entorno natural dos museos leranse os poemas de Rosalía máis polas reflexións dos nenos para logo prender as follas nas árbores. As follas seguirán a súa viaxe pasando pola Casa-Museo de Rosalía de Castro, pola "Biblioteca Nacional de Argentina" e o "Museo de la Inmigración" arxentina en Bos Aires.Esta actividade para familias poderán vir nenos que non fixeran a actividade na aula.
En próximas entradas, deixaremos á vosa disposición o texto íntegro no que se explica o desenvolvemento do obradoiro. Polo de agora mostrámosvos este texto que resume os nosos anceios e obxectivos.
